Thursday 25 de April de 2024

A Biblioteca da Xunta na Coruña ofrece diversas mostras bibliográficas ao longo do verán


— Durante os meses de xullo e agosto o público infantil e adulto poderá afondar nas emocións, descubrir Galicia e achegarse á vida e discografía de Bob Dylan, entre outras

— Como actividade, este xoves desenvolverase un obradoiro de robótica educativa dirixido á rapazada a partir de 6 anos

— Neste período, o centro estará aberto co horario habitual na época estival, de luns a venres, de 8,30 a 14,30 h

A biblioteca pública da Coruña Miguel González Garcés, xestionada pola Xunta, ofrece ao longo de verán diversas mostras bibliográficas que lles permitirán aos públicos infantil e adulto afondar nas emocións, descubrir Galicia e achegarse a vida e á discografía de Bod Dylan, entre outras posibilidades. Ademais, o xoves día 8 terá lugar un obradoiro de robótica educativa, dirixido á rapazada a partir de 6 anos. Durante os meses de xullo e agosto o centro bibliotecario estará aberto de luns a venres co horario habitual da época estival, que abrangue das 8,30 ás 14,30 h.

Os interesados en participar no obradoiro de robótica educativa deben apuntarse previamente por teléfono, a través da web ou no propio centro bibliotecario. Desenvolverase no salón de actos en dúas sesións, ás 12,00 e ás 13,15 h. O obxectivo é promover a creatividade deseñando, programando e dándolles vida a diferentes robots. Canto ás mostras bibliográficas previstas, comezou na sala infantil Mergúllate nas emocións, dirixida a facilitarlle á cativada a comprensión das súas emocións e sentimentos.

A partir do día 9 estará dispoñible Por favor, lévame en préstamo, unha selección de libros do depósito documental do centro bibliotecario que non foron utilizados nos últimos cinco anos, e para os que se pide unha segunda oportunidade. Tamén se instalará nesa data na sala de medios audiovisuais o centro de interese Cine de verán, dez películas para desfrutar da época estival, con títulos como Vacacións en Roma, Atrapa un ladrón ou Un verán con Mónica, entre outros.

Ademais, continúan as mostras Descubre Galicia, iniciada en xuño cunha selección de diversos materiais de lectura, gráficos e audiovisuais que fan referencia a Galicia abordando costumes, historia, espazos naturais, gastronomía ou patrimonio, entre outros aspectos. Tamén segue dispoñible ata finais de xullo 80 anos con Bob Dylan, no marco da celebración do 80 aniversario do cantautor máis influínte dos últimos anos e primeiro músico en ser recoñecido co Premio Nobel de Literatura.